AliciaG

Marcos Ferreiro Gómez, premiado por captar a mellor imaxe dos camiños a Santo André de Teixido

A fotografía titulada ‘Árbore e Cabalo’, cuxo autor é Marcos Ferreiro Gómez, é a mellor das que se presentou ao Concurso de Fotografía Santo André de Teixido 2017, aínda que non obtén o primeiro, senón o segundo premio, dotado con 2.000 euros.

O xurado da Asociación Camiño de Santo André de Teixido optou por declarar deserto o primeiro galardón, ao considerar que ningunha das obras presentadas destacaba por riba das demais nos criterios de selección establecidos. Por iso, decidiu repartir os 3.000 euros en seis accésit, que se sumaron aos catro xa previstos na convocatoria.

Deste xeito, os premios foron moi repartidos e o terceiro galardón recaeu nun traballo de Juan Luis Rúa Prieto, titulada ‘Desde o bosque petrificado’, que recibirá unha dotación de 1.000 euros. Os dez accésit son todos de 500 euros.

Malia ser a primeira edición destes premios, participaron nos mesmos preto de 150 obras procedentes tanto de Galicia coma doutros lugares. A temática destes galardóns non era outra que ilustrar os camiños de peregrinación a Santo André de Teixido.

Antes de que remate o vindeiro mes de xuño, procederase á entrega de premios.

Queres coñecer as obras gañadoras? Podes velas neste enlace. Aquí, un pequeno resumo:

FOTOS PREMIOS

E logo, qué pensas?