AliciaG

Marcos Rodríguez: outro fotógrafo galego que acumula premios

0

Os fotógrafos galegos non deixan de darnos alegrías. Se fai pouco falábamos nestas páxinas de que National Geographic elixiu unha foto de Brais Seara para o seu concurso de natureza deste ano, agora é a quenda de Marcos Rodríguez, carballés asentado en Cee, que acaba de gañar varios premios.

Na cerimonia da Federación Española de Profesionais da Fotografía e da Imaxe (FEPFI), celebrada en Segovia, Marcos conseguiu até tres galardóns: premio ao mellor fotógrafo de 2016 en dúas categorías, natureza e retrato, e unha distinción á súa traxectoria profesional, recoñecemento que se concede a través da consecución de diferentes logros.

O fotógrafo galego non cabía en si de felicidade. “A verdade é que un séntese moi ledo cando recibe este tipo de recoñecementos, sente o seu traballo valorado”, declara para Alicia G. “Persoalmente é satisfactorio que os compañeiros de profesión te acollan así, dá folgos para continuar”, asegura quen xa recibiu outros galardóns desta Federación noutras ocasións.

A súa obra fotográfica bebe do cotián, do que nos rodea os galegos e galegas: o mar, a montaña, as aldeas e as súas xentes. Fotografías en que todos podemos recoñecer un pedaciño da nosa vida, do noso ser.

E logo, qué pensas?