AliciaG

Mecenado contra o cancro

0

O grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) busca mecenas na sociedade galega para financiar unha investigación que promete achegarse ao soño de combater o cancro ou, cando menos, de acabar con el tal e como o coñecemos. Con este obxectivo, o equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) está a facer da biopsia líquida un concepto viral polo mundo das redes sociais e outros espazos reais e virtuais.

Pero, que é a biopsia liquida? Resúmese neste nome un conxunto de novas técnicas que permiten, a través do sangue, ter controlado en todo momento o tumor. E ao coñecer todos os datos íntimos do mesmo, os profesionais da saúde teñen a información necesaria para aplicar o fármaco que mellor pode paralo. Trátase dunha ferramenta que promete dar grandes resultados, pois xa hoxe, cando se emprega só o 1% do potencial que ten, facilita a asistencia destes enfermos.

Como a loita contra o cancro é un obxectivo de todos, este equipo de investigadores apela tamén á sociedade xeral para acelerar a investigación na que están inmersos. E baséanse nas experiencias doutros países, onde a achega do mecenado á ciencia alcanza o 42%, como é o caso de Inglaterra. Pola contra, en España é inferior ao 2%.

O grupo de Oncoloxía Médica Traslacional marcouse un obxectivo ambicioso: conseguir 500.000 euros ata mediados de abril. Cos cartos, pretenden adquirir dúas máquinas coas que realizar unhas técnicas moi específicas para esta investigación, contratar un técnico de laboratorio e analizar entre 300 e 400 mostras procedentes de toda Galicia.

Que Galicia se sitúe á vangarda da investigación oncolóxica está a un click da participación cidadá. E as persoas dispostas a colaborar nesta causa teñen todo tipo de facilidades para facelo. Dende 1,20€ enviando unha mensaxe SMS ata ingresos en conta bancaria, todo suma! Máis datos, aquí.

Súmaste á #biopsialíquida?

E logo, qué pensas?