AliciaG

Galicia: o país dos mil agochos para practicar sexo sen baixar do coche… e sen que te pille a Garda Civil

0

Estacionar no beiravía dunha autovía para practicar sexo coa túa parella do outro lado do valado de protección de animais non parece unha boa idea por moita tensión sexual que repentinamente se desatase. Pero hai un par de días soubemos, por La Voz de Galicia, que a Raúl F.R. si llo pareceu. E nesas andaba, gozando de algo máis que da idea, cando foi sorprendido por outra parella aínda máis sorprendida, a da Garda Civil de Tráfico. Ocorreu preto de Xinzo de Limia, no quilómetro 197 da A-52.

Raúl evitaría moitos problemas, entre eles a multa de 4.320 euros e a perda do carné de conducir, de saber que en poucos quilómetros á redonda tiña 92 ‘sexagochos’, enxeñoso palabro co que agora se coñecen aos picadeiros de toda a vida. E non nos referimos aos de cabalos, senón a eses lugares íntimos, tranquilos, agochados, case sempre escuros, algúns incluso con espectaculares vistas, en que se pode practicar sexo sen ser molestado e de costas ao resto do mundo. Iso si, romanticismo, pouco.

Pois Raúl e a súa parella tiñan ao seu redor nada máis e nada menos que 92 lugares para os seus xogos máis íntimos, que son os que os propios usuarios recomendan en Ourense despois de probalos. E se nese intre de paixón desatada se atopasen en Lugo disporían de ata 169 opcións noutros tantos espazos, que serían 304 se estivesen en Pontevedra. E onde seguro que non terían ningún problema para dar cun ‘sexagocho’ sería na Coruña, que leva a palma con 412 picadeiros, unha rede de tal magnitude que a converte na cuarta cidade de España con máis espazos empregados para a luxuria despois de Madrid, Barcelona e Sevilla.

Toda esta información e moita máis é posible atopala nunha web chamada mispicadores.com, que localiza ata case 1.000 lugares en Galicia (10.000 en toda España) para practicar sexo, coa particularidade de que todos eles están testados e engadidos polos propios usuarios.

Hai ducias deles nas principais cidades galegas, pero tamén nas contornas. E os usuarios dan, ademais, todo tipo de recomendacións. Así, por exemplo, o parque de Santa Margarita, na Coruña, recoméndano polas súas “grandes sombras e vistas”. Ou a rúa Vista, ao lado da Casa das Ciencias e detrás do Muíño, pola  “intimidade case absoluta. No inverno coas follas das árbores e vese, pero de madrugada non hai ninguén”.

Aparecen lugares insospeitados, en que nin sequera é preciso o coche, como a parte superior do “colector que hai ao lado do centro comercial dos Rosales”, igualmente na Coruña. Ou as escaleiras do aparcadoiro do Papagaio, “que non emprega case ninguén porque todo o mundo baixa en ascensor”.

E así en case todas as cidades e provincias. En Ourense, por exemplo, recomendan ata as escaleiras da ponte do Milenio, pero tamén a contorna de campos de fútbol (o do Couto, por exemplo) ou de mercados gandeiros. E o mesmo en Lugo e Pontevedra.

Ao final, case 1.000 ‘sexagochos’ ao longo e ancho de Galicia que lle evitarían a Raúl e a súa compañeira un bo susto, unha cuantiosa multa e a perda do carné de conducir.  Pero outra vez será.

E para mostra, catro ‘sexagochos’ de Ourense que aparecen la lista de preto de 1.000 en Galicia.

De arriba abaixo: Oira (un clásico); Cachamuíña (unha postal); aparcadoiro do supermercado Dia (unha novidade) e Montalegre (outro clásico).

Oira, un clásico

Oira, un clásico

Embalse de Cachamuiña: moi concurrido

Embalse de Cachamuiña: moi concurrido

Aparcadoiro Día: A novidade

Aparcadoiro Día: A novidade

Montalegre: outro clásico

Montalegre: outro clásico

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?