AliciaG

Mariñeiros galegos descubriron Nova Zelandia polo menos un século antes ca holandeses e ingleses… e alí quedaron

0

Que os galegos nos atopamos entre os mellores mariñeiros do mundo ao longo de toda historia é algo ben coñecido. Tamén que a cada paso cobra máis forza que Colón era en realidade o galego Pedro Madruga e que polo tanto o descubrimento de América foi cousa nosa, como xa apuntamos en varias ocasións neste blog. Pero resulta que non quedamos aí.

Cun par de narices, uns 30 anos despois de descubrir América os galegos achamos Nova Zelandia primero e logo Australia. É dicir que descubrimos medio mundo que se saiba… e a saber canto máis que non se sabe. E si, estamos en todas partes, ata na Lúa din, pero non por casualidade, senón porque tamén fomos os primeiros en chegar.

Aínda que a historia conta que o holandés Tasman e o inglés Cook foron en 1642 e 1769 os primeiros en pisar as nosas antípodas, vai ser que en realidade non foi así. De feito, cando chegaron a ambos lle chamou a atención a presenza de homes case tan brancos como os europeos e incluso algúns co cabelo vermello. Había una explicación…

Pero vaiamos ao principio. No ano 1525 partiron do porto da Coruña  7 naves que formaron parte dunha expedición  dirixida por García Jofre de Loaísa e da que tamén formaba parte Juan Sebastián Elcano, que precisamente morreu nela. O seu obxectivo era conquistar as illas indonesias de As Molucas e colonizalas, pero so unha conseguiu chegar ata elas.

A metade das naves non lograron pasar do estreito de Magallanes e o resto naufragou durante a travesía. Salvo unha, a carabela San Lesmes, que cun bo puñado de bos mariñeiros galegos a bordo simplemente desapareceu sen deixar rastro. Iso si, antes tivo tempo de descubrir o cabo de Fornos, unha vez que non foi quen de pasar polo estreito de Magallanes polo temporal. Foi a continuación cando se lle perdeu a pista e se deu por desaparecida, xa no ano 1526.

Ou iso se pensaba ata que investigacións levadas a cabo fai xa algúns anos rebelaron que a realidade puido ser outra ben distinta: que se extraviase, acabase perdida entre as illas do Pacífico e vagase dunha a outra ata chegar primeiro a Nova Zelandia e a continuación a Australia. E alí quedaron…

Así pois, aqueles “case brancos” que se toparon tanto o holandés Tasman como o inglés Cook serían os fillos dos galegos que viaxaban a bordo do San Lesmes, froito da mestizaxe cos maoríes.

A proba máis evidente desta historia está en que tanto en Nova Zelandia como na veciña Australia existe un tipo de construción da mesma familia que o hórreo galego, ca mesma funcionalidade e sorprendentemente parecida. O principal defensor da teoría de que foron galegos os que descubriron realmente Nova Zelandia é o historiador Robert Langdon, da Universidade Nacional de Australia en Canberra. Segundo Langdon, o “pataka” (nome ben galego por certo), que é como se chama o hórreo de aquelas latitudes, é un hórreo galego que os tripulantes do “San Lesmes” lle ensinaron a construír aos indíxenas maoríes.

Outro indicio máis: no patio da comisaría da Policía local en Monte Alto, na Coruña, existe unha árbore orixinaria de Nova Zelandia con centos de anos de antigüidade. E precisamente aquí está unha das claves para desvelar si foron galegos os que descubriron Nova Zelandia e Australia e vez de holandeses e ingleses, como nos contou a historia oficial ata o de agora.

Si a árbore en cuestión, do grupo dos metrosideros, resulta que ten máis de 248 anos ou máis de 375, sería anterior á arribada de Tasman e Cook as illas e quedaría probado que os galegos chegaron antes. O enigma (que cada vez o é menos) queda pendente dunha proba que hai que facerlle a árbore chamada tamén das meigas, de ferro ou pohutukawa, que é o seu nome neozelandés. Xa se intentou facer en dúas ocasións pero non foi posible por diferentes motivos, entre eles que a árbore está protexida. Non se descarta que se faga nun futuro para que quede por fin definitivamente clarexada a historia de Nova Zelandia e, ao tempo, se engrandeza aínda un pouco máis a lenda dos mariñeiros galegos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?