AliciaG

O Día Mundial da Saúde fala de depresión

0

O 7 de abril é o Día Mundial da Saúde. Unha data marcada no calendario polo nacemento da Organización Mundial da Saúde (OMS), que neste 2017 quere conmemorar a efeméride falando de depresión.

Trátase dun dos principais problemas de saúde que afecta xentes de todas as idades, condicións sociais e países. Estímase que máis de 300 millóns de persoas viven con depresión no mundo –ata o 10% dos galegos poderían padecer este problema–, unha cifra que aumentou en case un 20% nunha década.

Mais baixo o lema ‘Falemos de depresión’, a campaña pretende non falar da angustia e tristeza que esta enfermidade xera nas persoas que a padecen, senón das opcións para previr e tratar a depresión. E, sobre todo, o obxectivo é que quen sufra este mal, pida axuda, porque vai ser o primeiro paso para superar o problema.

A depresión pode afectarnos a todos, pero existen tres perfís persoais nos que é máis frecuente: persoas de 15 a 24 anos; mulleres en idade de procrear e, sobre todo, despois de ter un neno; e persoas con máis de 60 anos. Pero tamén a pobreza, o desemprego ou acontecementos vitais como unha morte o unha ruptura poden ser factores de risco.

Que podemos facer para axudar a quen padece depresión? A OMS traslada, entre outros, os seguintes consellos:

  • Dicir claramente que queremos axudar, escoitar sen xulgar e apoiar.Imagen interior
  • Animar á persoa afectada a pedir axuda profesional e ofrecernos a acompañala ás citas médicas, se así o precisan.
  • Axudar coas tarefas cotiás.
  • Animar a facer deporte, a participar en actividades sociais e a centrarse nas cousas positivas da vida.
  • Non deixar soa á persoa deprimida se pensa en autolesionarse ou se xa o fixo. E pedir axuda a profesionais sanitarios.
  • E sobre todo: ter moita paciencia.

Se es ti quen padece depresión, debes saber que se pode tratar e que falar cunha persoa da túa confianza sobre este problema pode ser o primeiro paso para curar.

Súmaste á campaña?

E logo, qué pensas?