AliciaG

O Betis tivo dous presidentes galegos, un deles o mellor da súa historia e o que dá nome ao campo: Benito Villamarín

0

Falar do Betis remite directamente ao sur do país, exactamente á cidade marabilla, como tamén é coñecida Sevilla. Como é sabido por todos, o club verde e branco é famoso no mundo enteiro pola simpatía, compromiso e filosofía dos seus seareiros: “Viva er Betis manque pierda”, proclaman. Non en van é tamén o cuarto club de España con máis agrupacións de seareiros repartidas polo mundo, 513 exactamente, ademais de ter unha das afeccións máis recoñecidas dos país: Un 3,4% dos españois declara ser seguidor do Betis.

Non hai club máis identificado cunha cidade como o Betis, en permanente pugna co outro club local, o Sevilla, cuxa rivalidade é histórica. Nin tan identificado tampouco cunha cultura, a andaluza. Pois ben, pese a todo isto, un dos béticos máis béticos da historia do club, así como o seu presidente máis importante, era galego, de Ourense, concretamente do lugar de Puga, no concello de Toén. Tan importante foi na historia do club que ata lle da nome ao seu estadio: Benito Villamarín. Pero non foi o único. O seu irmán, nacido igualmente en Toén, tamén presidiu o histórico club hispalense, aínda que so por uns meses.

Si, Benito Vilamarín, o lendario presidente do club hispalense era un galego que con 21 años deixou Ourense con destino Sevilla, onde vivía un tío, para coller dende alí un barco que o levara ata A Arxentina, onde xa tiña a un irmán. Una moza coa que acabaría casando foi a razón principal pola que aquel ourensán quedaría para sempre en Sevilla.

Convertido nun empresario de éxito dedicado a exportación de olivas aos Estados Unidos, chegoulle a proposta de presidir o Betis. E así foi como se fixo cos mandos do club entre 1955 e 1965, conseguindo en só dous anos devolvelo á Primeira División despois de 15 vagando polas categorías inferiores.

Benito Villamarín abandonaría a presidencia do club en 1965 debido a unha grave enfermidade que finalmente lle custaría a vida un ano despois. Pero antes tivo tempo de converterse no presidente máis importante da historia do club, dende logo no máis querido e respectado.

A proba diso foi que en 2010 o campo do Betis recuperou o nome de Benito Villamarín que lle cambiara, polo seu, o polémico Manuel Ruiz de Lopera. Nunha votación entre os afeccionados, arrasou a proposta de devolverlle o nome do ourensán: 6.107 votos a favor fronte a 160 que pretendían que o estadio seguise chamándose Ruiz de Lopera.

En realidade, o Betis tivo na súa historia dous presidentes de Ourense, pois cando Benito Villamarín abandonou a presidencia como consecuencia da súa enfermidade, substituíno temporalmente o seu irmán, Avelino Villamarín, ata a elección do seguinte rexedor do club, entre decembro de 1965 e maio de 1966.

A continuación reproducimos a pregunta que, nunha entrevista, lle fixeron a Benito Villamarían sobre a súa orixe. Corría o ano 1957 e xa era presidente do Betis:

¿Cómo siendo usted gallego ha encajado nada menos que en la presidencia de un club tan andaluz?

– La simpatía por un equipo, por unos colores o por un ideal es algo que no tiene explicación más que en un aspecto espiritual o psicológico. Yo me formé en Sevilla y desde los primeros instantes me incliné, en el aspecto balompédico, por los colores blanquiverdes, y como yo, otro hermano que llegó a tener antes una labor más activa dentro de la organización bética. Después, los hechos explican lo demás. El Betis, lo mismo que antes, consiguió hoy mi incondicional adhesión y esfuerzos, tanto que a él estoy entregado en persona y en el terreno que sea preciso.

 

Fonte foto: páxina web Historia do Real Betis. Benito Villamarín saúda os seareiros dende o palco do estadio do Betis, chamado entón Heliópolis, nome do barrio de Sevilla onde se atopa.

 

 

 

E logo, qué pensas?