AliciaG

O que non sabías de Franco: vividor, xogador, mullereiro, republicano e ata deputado de Esquerra Republicana de Catalunya

0

Que Franco era un galego de Ferrol baixiño e con voz afrautada é coñecido por todos. Pero que Franco era tamén un vividor, bebedor, xogador, mullereiro e que foi ata deputado de Esquerra Republicana de Catalunya seguro que é unha sorpresa para a inmensa maioría.

Pois non hai misterio. Ambas afirmacións son rigorosamente certas, pero claro, refírense a dous “Francos” distintos. Indubidablemente, a primeira delas fai alusión a Francisco, o ditador. A segunda, ao seu irmán pequeno, Ramón, aviador, republicano e revolucionario… ata case o final, porque no último momento acabou combatendo ao lado do seu irmán no bando sublevado contra a República, á que incluso servira e se ofrecera inicialmente a defender. Vese que a Ramón lle acabou tirando máis o sangue que as súas ideas revolucionarias. Tan revolucionarias eran que incluso en 1930 participou nunha insurrección republicana contra o rei Afonso XIII, chegando a ameazar con bombardear o Palacio Real. Finalmente, do seu avión tan so caeu propaganda revolucionaria. A continuación exiliouse a Portugal.

Ramón Franco volveu a España coa proclamación da República, reingresou no exército e ocupou un alto cargo como director xeral de Aviación, do que foi destituído despois de protagonizar nunha revolta anarquista en Andalucía, coñecida como Complot de Tablada e escasamente aclarada. Inmediatamente despois, nas eleccións de xuño de 1931 foi elixido deputado por Esquerra Republicana de Catalunya, dedicándose a partir de entón xa so á política e chegando a defender a proclamación da Federación de Repúblicas Ibéricas.

Paradoxalmente, antes de que Francisco Franco empezase a escribir unha das páxinas máis negras da historia deste país, resulta que o máis famoso de todos os “Francos” era precisamente Ramón, ao que o seu pai (outro vividor que rematou alcolizado) adoraba fronte a un Francisco polo que non daba un can. O Franco máis pequeno fíxose famoso por unha fazaña que pasou á historia: a viaxe do Plus Ultra, no ano 1926, entre Huelva e Bos Aires, no que foi o primeiro voo que cruzou o Atlántico sur dunha tirada.

O comezo da Guerra Civil pillou a Ramón Franco en Washington, onde era agregado aéreo da embaixada española. Enseguida se ofreceu a través dun intermediario a viaxar a España para defender a República, pero o presidente Azaña, con quen mantiña unha mala relación, lle dixo que non o fixera (a través do mesmo intermediario en) con estas palabras: “Que non veña, pasaríao moi mal”.

Sen que se saiba moi ben por que, este republicano que chego a ser deputado de Esquerra e ata a liderar revoltas anarquistas, acabou ao final loitando no mesmo bando que o seu irmán. Cuestión de sangue, ao parecer. Morreu antes de que rematase a guerra, en outubro de 1938, cando se dispoñía a participar nun bombardeo aos mandos dun  hidroavión que desapareceu no Mediterráneo. Un misterioso accidente detrás do cal chegaron a situar ao seu irmán Francisco Franco. Pero iso xa máis especulación que historia.

Fonte da foto: Wikipedia.

 

 

 

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?