AliciaG

O rei Afonso X o Sabio aprendeu de neno en Allariz o galego que logo impulsou como lingua culta do Reino de Castela

0

Afonso X o Sabio, rei de Castela entre os anos 1252 e 1284, aprendeu en Allariz, durante os seus anos mozos, o galego que despois convertería na lingua culta da corte do seu reino e na que coescribiría unha das obras máis importantes da literatura medieval, as Cantigas de Santa María Nai.

Aínda que Alfonso X naceu en Toledo e finou en Sevilla, cando aínda era un neno pasou longas tempadas na vila alaricana e en Maceda, onde a súa familia tiña o castelo que actualmente é o principal atractivo da localidade e que foi reconvertido en restaurante.

O futuro rei educouse en Allariz e aquí prendeu nel a fonda inquietude cultural que determinou o alcume co que pasaría a historia con toda xustiza. Aprendeu, ademais, o galego que despois impulsou como lingua culta na corte do seu reino. En realidade, era o denominado galego-portugués, nun tempo en que o portugués era un dialecto do galego.

Foi tamén na vila alaricana, nomeada “Vila Real” por Alfonso VII e “Chave do Reino de Galicia” por Sancho IV, onde Afonso X compilou as Cantigas de Santa María Nai que anos despois coescribiría en galego, pese a ser xa o rei de Castela. Hoxe, os seus 427 poemas constitúen unha das obras máis importantes da literatura medieval occidental.

Curiosamente, pese aos seus estreitos vínculos con Allariz e Maceda, Afonso X o Sabio nunca foi un rei favorable a Galicia, coa que nin sequera simpatizaba demasiado, o que, con todo, non lle impediu escoller o galego que aprendera de neno en Allariz para a súa expresión poética. Curiosidades da historia.

 

E logo, qué pensas?