AliciaG

O segredo mellor gardado da Costa da Morte: A Trufa, unha incrible cabana obra dun arquitecto e unha vaca

0

Nun lugar da Costa da Morte, de cuxo nome só se lembra o arquitecto Antón García-Abril, existe algo que…

Algo que, efectivamente, non é fácil de definir. Nin tampouco saber onde está.

Para uns é unha pequena cabana natural, para outros un fragmento de natureza construída con terra e chea de aire, para algúns un refuxio insólito, unha casiña de invitados ou un experimento. En todo caso para todo é arquitectura. Iso sí, unha arquitectura sorprendente, de pura sangrada. E aínda o segue sendo pese a que a obra vai xa para os 8 anos, pois foi construída no 2010.

A verdade é que o nome que o seu creador lle puxo tampouco axuda a saber que é o que temos diante, no improbable caso de que fósemos capaces de dar coa incrible peza. O que si sabemos é que foi bautizada como A Trufa, e así é coñecida entre arquitectos de medio mundo.

O outro misterio é onde se atopa. A inmensa maioría dos veciños da Costa da Morte non saben nin da súa existencia. As webs especializadas en arquitectura sitúana unhas veces en Laxe, outras en Cee, a meirande parte na Costa da Morte, sen máis. E as publicacións internacionais, simplemente en España. A explicación achegouna o propio García-Abril nalgunha entrevista: nunca di onde está a Trufa para que a súa casa non se encha de turistas armados con cámaras de fotos e móbiles. De feito, todas as fotos que se poden topar en Internet, que son moitas, son as facilitadas polo propio estudio do arquitecto.

A obra é un refuxio radical con certo aspecto troglodítico, que xurdiu da terra, da palla, o aire e o cemento, pero sobre todo da cabeza da García-Abril, un arquitecto con outras obras emblemáticas en Galicia, pero ningunha tan comentada nin internacional coma esta.

A Trufa, segundo o estudio do autor, é unha fragmento de natureza construía con terra, chea de aire. Un espazo, engade, dentro dunha pedra que se pousa no terreo e que se mimetiza co territorio. O proceso de construción foi tan curioso que merece a pena velo no vídeo que acompaña esta información é que procede da web de “Ensamble Studio”, así como as fotos. Basicamente, consistiu en facer un gran burato no chan a xeito de molde, que se encheu con balas de palla para dar forma ao espazo baleiro do interior. A continuación, a palla foi cuberta totalmente por formigón. O resultado foi unha masa amorfa, con forma de trufa, que unha vez endurecida foi sacada a superficie, cortada no seu extremo e baleirada de palla. Precisamente esta foi a parte máis bucólica, posto que tal cometido lle foi encargado a Paulina, unha becerra que estivo case un ano comendo de aquela palla, tempo en que engordou 300 quilos e pasou de becerra a vaca.

Neste vídeo, extraído da páxina web de Esnsamble Studio, podes ver como se fixo A Trufa. As fotos que acompañan o artigo tamén proceden da páxina web do estudo de Antón García-Abril.

E logo, qué pensas?