AliciaG

Once aloucados rituais para que o 2017 sexa o mellor ano da túa vida ( …se non te esnafras)

0

36 segundos. Ese é, segundo arriba segundo a baixo, o tempo que teremos o sábado para despedir o 2016 e darlle a benvida ao 2017. É o  tempo que transcorrerá entre a primeira e a décimo segunda badalada, unha cada tres segundos. Teremos pois menos dun minuto, en todo caso, para atraer a boa sorte e espantar a mala. Como facelo? Hai una lista interminable de rituais, algúns realmente sorprendentes. Claro que para facelos todos, precisarías hora e media en vez do minuto escaso que vas ter. Así que, toca elixir entre algúns dos que aquí explicamos ou facelos todos a un tempo. Sería algo así:

  1. O ritual máis clásico é comer todas as uvas (imprescindible que non quede ningunha) intercalando entre cada unha de elas un desexo, que non pode ser de máis dos tres segundos que teremos entre badalada e badalada.
  2. Pero sexamos ambiciosos: se ademais as tomamos á pata coxa sobre o pé esquerdo e tras a última uva botamos ao chan o dereito, estaremos entrando no novo ano con bo pé.
  3. Podemos perfeccionar o resultado se ademais de facer todo isto (comer todas as uvas á pata coxa sobre o pé esquerdo e pensando un desexo entre cada unha delas), o facemo subidos a unha cadeira. Así, ao parecer,  aseguraremos un 2017 de ascensos.
  4. Ricemos o rizo. Ademais de todo o anterior, poñamos algunha peza de roupa do revés e nada máis soar a última badalada démoslle a volta para poñela do dereito. Facéndoo así,  seica atraeremos a boa sorte.
  5. E se resulta que non nos chega e queremos un ano aínda mellor? Non hai problema, tamén temos receita para iso:  mentres comemos as uvas e pensamos un desexo entre cada badalada, estando á pata coxa sobre unha cadeira e con algunha peza de roupa ao revés, deberiamos levar posto algo vermello, unha cor que entre outras moitas cousas simboliza a prosperidade e a paixón. Mataremos así dous paxaros dun só tiro.
  6. Hai cores para todo. Se ademais queredes tranquilidade poñede algo azul. E se queredes abundancia, algo amarelo. Algo verde se queredes saúde e algo laranxa para atraer a intelixencia.
  7. E da pasta, que? Se o que queredes son cartos, entón tendes que meter no zapato do pé esquerdo  unha moeda e nun dos petos do voso pantalón o billete máis grande que teñades na casa.  Nada máis rematar as badaladas, deberedes saír correndo cara ao balcón para ensinarllo ese billete á lúa, que en agradecemento por lembrarvos dela, agraciaravos con moitos iguais ao que lle acabades de amosar.
  8. E para maior garantía deberedes levar no outro peto do mesmo pantalón un puñado de lentellas. que lanzaredes ao aire tras engulir a última uva.
  9. Se non vos esnafrastes aínda,  podedes facer algún ritual máis de reforzo, por se fallasen os anteriores.  Por exemplo: despois de amosarlle o billete á Lúa,  volvede correndo á mesa a collede o vaso que teriades que encher de auga dende antes da primeira badalada e baleirádeo sobre a rúa. Coa auga marcharán tamén  todas as malas enerxías.
  10. Se o que queredes é algo máis concreto, como quedar preñadas, entón substituíde o vaso de auga por outro de leite e simplemente bebédeo de golpe tras a última badalada.
  11. E xa para rematar: metede as mans nunha pota de auga con azucre e lavádeas a continuación con champaña. Iso si, é conveniente que na copa deixedes caer un anel de ouro. Para que? Pois xa non me acordo, pero seguro que para algo bo.

Resumindo: se tomades as uvas enriba dunha cadeira, á pata coxa sobre a perna esquerda, cunha moeda no zapato dese mesmo pé, pensando un desexo entre cada badalada, cun puñado de lentellas nun peto e o billete máis grandes que teñades na casa no outro; se cando rematen as badaladas botades man das lentellas e as lanzades ao aire, ao tempo que saltades da cadeira para caer ao chan co pe dereito; sacades o billete do outro peto e saídes correndo cara ao balcón para amosarllo a Lúa, volvedes á mesa e logo, de novo, ao balcón para baleirar sobre a rúa un vaso de auga con toda a mala enerxía dentro, e despois  ides á neveira e bebedes un vaso de leite, mergullades as mans en auga con azucre e as lavades con champaña e a continuación brindades cunha copa cun anel de ouro dentro… Se facedes todo isto en 36 segundos, Alica G garántevos o mellor ano das vosas vidas.  E, se non é así, será porque algo fixestes mal.

E logo, qué pensas?