AliciaG

Os británicos descobren a queimada, pasman con ela e a BBC rebautízaa como “a bebida de lume azul”

0

Asombrados, marabillados, abraiados… O encanto da queimada, co seu conxuro incluído, chegou ao Reino Unido e conquistou os británicos. Tanto que lle dedicaron unha reportaxe na súa canle televisiva de referencia, a BBC, unha das máis respectadas e prestixiosas do mundo pola súa independencia.

Aínda que o vídeo, que acompaña a información e que foi publicado na sección de viaxes da BBC, é francamente mellorable, na reportaxe amosan con claridade o seu asombro pola bebida e toda lenda que a rodea. Refírense á queimada como o vínculo máis misterioso dos galegos co pasado celta e outórganlle a calidade de afastar os espíritos malignos e os demos de quen a bebe e participa na cerimonia do conxuro.

Con todo, o que máis destacan e lle chama a atención, ata o punto de que a rebautizan como a bebida de lume azul, son as “hipnóticas lapas azuis” que purifican e liberan dos espíritos a quen a bebe. Noutro momento, os autores da reportaxe  falan da queimada como un ponche alcohólico e recordan que segundo a tradición faise nunha cabaza baleirada ou nunha pota de barro. E, por suposto,  que o conxuro é realizado por unha bruxa ou un druída, ou polo menos por alguén vestido como tal.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?