AliciaG

Os xíbaros, a tribo máis feroz e indómita do Amazonas que derrotou incas e españois, tivo un galego como rei 12 anos

0

Os xíbaros son coñecidos en todo o planeta pola súa técnica para reducir cabezas e pola súa destreza, eficacia e precisión disparando dardos empezoñados a través dos seus canudos. As dúas habilidades converteron a esta tribo nunha das máis feroces e temidas de América. Pero tamén nunha tribo indómita, invencible. Sábeno ben os incas, que intentaron dominalos en 1490, antes do descobremento,  e tiveron que volver co rabo entre as pernas. E o mesmo lles pasou 104 anos despois aos españois, en 1549. Aburridos, desistiron definitivamente de conquistar esta zona da selva amazónica en 1599, que quedaría baixo dominio exclusivo destes indíxenas.

E así seguiu sendo durante anos, centos de anos, ata que apareceu por alí un galego de Ourense, concretamente dun pequeniño pobo do Concello de Avión, berce de centos e centos de emigrantes. Ante este galego, de nome Alfonso Graña, os xíbaros non so se renderon senón que se entregaron a el con veneración,  ata convertelo no seu rei, o Rei dos Xíbaros. Aínda que nun primeiro momento as cousas non empezaron igual de ben.

Alfonso Graña era un humilde labrego, fillo de sastre,  que a principios do século pasado cruzou o Atlántico para acabar traballando na extracción de caucho en Iquitos, O Perú. Un década despois, hacia 1922,  tal vez por algún tipo de crise que afectou a localidade o o sector en que traballaba, decidiu aventurarse pola selva en compañía doutra persoa sen identidade coñecida.

Así foi como entrou en contacto cos xíbaros, ou máis ben se deu de bruzos contra eles. As cousas non empezaron precisamente ben, coa morte do seu compañeiro como consecuencia da loita que desencadeou este primeiro encontro. Graña ía correr a mesma sorte, pero resulta que el era alto, delgado, elegante, tanto que xa no seu pobo de Avión era coñecido, el e toda a súa familia, como “o Chulo”. Atributos todos eles que provocaron que a filla do xefe da tribo se namorase del a primeira vista, tanto e tan perdidamente que casaron case de inmediato.

Non só salvou a vida, senón que gañou unha vida incrible. Graña foi respetado e ata venerado polos indíxenas durante todos os anos do seu reinado. El liderounos, pero sobre todo protexeunos e serviulle de ponte entre a selva e a civilización: ensinoulle novas técnicas para a conservación dos alimentos que logo vendían en Iquitos, curáballe todo tipo de enfermidades e doenzas, levábaos con el a cidade onde lles cortaba o pelo, lles mercaba roupa occidental ou xeados.

Así, pasiño a pasiño, comezou unha lenda que non fixo máis que medrar, sobre todo a partir de que este galego intrépido sucedera ao seu sogro como xefe dos xíbaros, uns 5.000 daquela. Moi pronto empezou a ser coñecido como Alfonso I da Amazonia, pero o seu poder era tan real que ao final ata o Goberno do Perú, despois dunha das súas moitas fazañas, recoñeceulle a soberanía sobre aquel territorio que en superficie ocupaba tanto como media España. O seu reinado pasou entón a ser oficial.

Outro galego, César Mosquera, veciño tamén de Avión, foi o seu gran amigo no Amazonas, aínda que este seguía vivindo en Iquito. Mantiñan periódicos contactos, cada vez que Graña baixaba da selva rodeado de xíbaros para facer negocios coa carne curada, co pescado salgado, cas tartarugas ou cos monos cos que cargaban as barcas que os trasladaban dende a selva á civilización, un traxecto perigosísimo de 10 quilómetros que eran un auténtico inferno de rápidos, remuíños e rocas. A destreza coa que Graña realizaba este temido percorrido, incluso sen agarrarse, sen medo algún, acrecentou a súa lenda e incluso lle aportou fama de inmortal entre os seus admiradores indíxenas. Mosquera, de profesión libreiro, contribuíu ao coñecemento, divulgación e agrandamento da figura do primeiro galego rei da historia.

O reinado de Graña sobre os xíbaros durou algo menos de tres lustros (unha ducia de anos aproximadamente), ata que en 1934 un cancro de estómago acabou coa súa vida, unha vida de lenda da que hoxe quedan investigacións, algún documental e unha placa no seu pobo de Amiudal, en Avión: “Casa natal de Alfonso Graña, Rei dos Xíbaros”. E sobre todo, queda unha das historias máis asombrosas protagonizada nunca por un galego, polo galego que chegou a reinar sobre unha das tribos máis feroces e temidas do Amazonas, polo único galego que foi rei.

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?