AliciaG

Os zombis: un invento galego inspirado na Santa Compaña e nas historias dunha tía coruñesa de George A. Romero

0

Se estamos a piques de ver unha nova tempada de Walking Dead, que comezará a emitirse en pouco máis de dúas semanas, é grazas a unha galega. Si, a Purificación Romero, máis coñecida na súa casa como a tía Pura. En realidade, esta muller é a responsable inicial de todas as series e películas de zombis que se levan feito nos últimos 49 anos, dende a icónica “A noite dos mortos viventes”, de George A. Romero, a primeira da súa saga de películas sobre os “non mortos”.

Aínda que custe crelo, os zombis tamén son un invento galego, polo menos na súa inspiración e concepción. Os mortos viventes son de feito irmáns das almas en pena da Santa Compaña, das que George A. Romero soubo grazas ás historias que lle contaban as súas tías Pura, sobre todo, e Nena. Pero non so iso: si primeiro inspiraron a creación dos zombis coas súas fantasmagóricas historias, as dúas tías de Romero tamén acabaron costeando unha parte moi importante dos 114.000 dólares do presuposto de “A noite dos mortos viventes”, película de culto que supón o nacemento dos zombis.  O director recurreu a elas no ano 1968, cando xa residían na praza Ourense da Coruña, ao non topar en Nova York todo o financiamento que precisaba.

A historia é longa, pero pode resumirse así: o avó de George Romero emigrou a Cuba dende unha aldea de Neda. Alí casou con outra galega. Tiveron tres fillos (Jorge, Purificación e Nena), nados todos eles na Coruña, a onde a nai se desprazaba para parir, algo moi habitual entre os emigrantes galegos da época con recursos económicos, como era o caso. Logo, transcorrido un tempo, voltaban a Cuba.

O propio Romero, falecido o pasado mes de xullo, o contou así nunhas declaracións publicadas no ano 2008 polo diario La Opinión: “Meu pai naceu na Coruña, pero levárono a Cuba cando tiña un ao e despois foise a Nova York. Creo que aínda teño familia por aí. Nesa cidade (A Coruña) vivían dúas tías miñas, irmáns do meu pai, que podería dicirse que foron tamén produtoras da miña primeira película, axudáronme a financiala”. Tamén recoñecía entón a influencia das súas tías, ou mellor dito das historias que lle contaban de neno, na creación dos primeiros zombis: “Esas lendas están no meu subconsciente, non podo negalo”.

Con motivo da revolución, os Romero, que fixeron unha notable fortuna en Cuba, abandonaron a illa. Jorge marchou para Nova York, onde nacería o director de cine bautizado como Jorge Alejandro, e as súas tías pasaron a repartir o ano entre Miami e A Coruña. Alí morrería, entre o ano 2005 e 2006, a última tía de George Romero, a tía Pura, cuxas historias de resucitados, fantasmas e almas en pena inspiraron aos terroríficos zombis.

E logo, qué pensas?