AliciaG

Ouve!: o fanzine coa actualidade da música en galego

0

Galicia é música. E Ouve! é o fanzine nado este 2017 que pretende recoller toda a actualidade da música que se fai en galego. Este proxecto editorial e gratuíto quere tamén contribuír a dar difusión da música, artistas e de canto evento cultural se organice en galego.

Sendo o fanzine o referente de publicación independente, un grupo de mulleres e homes veñen de arrancar con este proxecto, que busca financiamento na publicidade. Trátase dun proxecto sen ánimo de lucro que busca colaboradores e colaboradoras, tanto no plano dos anunciantes coma no da incorporación de artigos ou ilustracións, por citar algunhas das opcións que teñen cabida na revista.

Ouve! pódese atopar no sitio web e tamén se distribúen exemplares en papel por centros sociais e locais do país. Do número cero, repartíronse preto de mil exemplares no festival A Candeloria de Lugo o pasado mes de febreiro e tamén está en varios pubs e locais do país, en Vigo, Cangas, Bueu, Ourense, Castro Caldelas, Trives, Manzaneda, Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Santiago de Compostela…

ouve-interior

A redacción sacará un número cada tres meses coa actualidade musical galega, co obxectivo de achegala a todos os recunchos de Galicia. E coa chea de festivais de música e artistas que empregan a lingua galega, semella que serán moitas as noticias que se irán incorporando cada trimestre ás páxinas de Ouve!

Aínda non viches o número cero?

E logo, qué pensas?