AliciaG

Portugal garda en formol desde hai 176 anos a cabeza dun galego que foi o seu “Jack, o destripador”, con máis de 60 asasinatos

0

Cunha dose de humor negro, poderiamos afirmar sen temor algún a equivocarnos que a cabeza galega mellor conservada do mundo está en Portugal, concretamente nun andel da Facultade de Medicina de Lisboa, dentro dun frasco cheo de formalina. Alí fica dende fai 176 anos, cando o seu propietario foi condenado a morte, aforcado e logo decapitado. Todo este tempo, preto xa de dos séculos, non impediu que o seu estado de conservación sexa realmente asombroso. Terrorífico máis ben.

Diogo (orixinariamente Diego) Alves era o dono da cabeza, un home nacido en Santa Gertrudis, Samos, preto de mosteiro que fixo famoso ao longo da súa historia a este municipio de Lugo. En realidade, a súa historia non ten nin chisca de graza, nin sequera para facer humor negro. Este galego ocupa dende fai 176 anos un lugar destacado na crónica máis escura de Portugal, ata o punto de terse convertido na versión lusa de “Jack, o destripador” e no maior asasino en serie do país veciño. Posiblemente, un dos maiores asasinos da historia.

Coñecido como o “asasino do acueduto das Aguas Libres”, matou, segundo diferentes fontes, a máis de 60 persoas, ás que arroxaba dende o alto desta singular construción para a captación e distribución de auga á cidade de Lisboa. Diogo esperaba alí as súas vítimas, sempre traballadores humildes, á hora en que volvían de traballar e as asaltaba, roubaba e tiraba polo acueduto. A caída dende máis de 65 metros de altura resultaba sempre irremediablemente mortal.

Entre 1936 e 1939 atribúenselle máis de 60 crimes, si ben á policía non os investigou por pensar que se trataba dunha ola de suicidios, pois o acueduto era un lugar habitual para quen quería quitarse a vida. Outras investigacións posteriores falan de menos asasinatos, arredor de 20, mentres que o resto lle serían atribuídos sen ser el o autor o se trataba efectivamente de suicidios.

Curiosamente, Diogo Alves non foi condenado polos crimes do acueduto, senón por outro: o asasinato dun médico e toda a súa familia durante o asalto a súa casa para roubar. Ocorreu en 1840. El foi condenado á pena de morte e en febreiro de 1841 foi executada a condena. A forca puxo así fin á galería dos horrores na que se tiña convertido a vida deste galego emigrado a Portugal de novo. Tiña entón so 31 anos, pois nacera no 1810 en San Gertrudis de Samos, tal e como dixemos.

E xusto aquí, onde debería ter finalizado para sempre toda a súa criminal historia, resulta que empeza unha segunda parte, a que remata cosa súa cabeza nun frasco de formal. Os científicos da escola médico cirúrxica de Lisboa de entón, asombrados e alarmados pola maldade deste galego de nacemento, decidiron decapitalo e conservar a cabeza para o seu posterior estudo a través da frenoloxía. 

En realidade, nunca chegaron a descubrir a orixe de tanta maldade, pero a cabeza alí segue, agora nun estante da Facultade de Medicina, dentro dun frasco de vidro cheo de formol no que Diogo aparece con xesto de tranquilidade e ata cara de boa persoa. Nada que ver con como era en realidade. Un dos maiores criminais da historia, o “Jack, o destripador” portugués… pero de Samos.

A súa historia foi tan sonada que ten sido obxecto de investigacións e libros (o último é precisamente o que lle atribúe so 20 crimes en vez de máis de 60) e ata dunha película. Titúlase “Os crimes de Diogo Alves”, é muda, foi estreada en 1911 e podes vela aquí. Alves foi tamén o último condenado a morte en Portugal.

Fonto da foto: Web Historia de Portugal. Autora: Luísa, L*

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?