AliciaG

Punto e Volta, unha radiografía da música tradicional galega

0

Punto e Volta é un proxecto audiovisual en liña que ten como obxectivo facer unha radiografía da situación da música tradicional galega. Trátase dun traballo posto en marcha por Olaia Tubío, Alejandro Gándara, Raquel Pérez e David Fontán. Todos eles, xornalistas que optaron á bolsa Nacho Mirás creada polo Colexio de Xornalistas de Galicia.

Coa estrea do seu sitio web, Punto e Volta amosa a primeira fase do traballo realizado polos xornalistas, que comezaron en setembro de 2016 a percorrer aldeas e barrios galegos para explorar os cambios que foron experimentando co tempo as músicas de raíz e os xeitos de transmisión.

O proxecto divídese en dúas seccións. Unha delas recolle entrevistas e vídeos curtos que intentan mostrar a evolución da cadea de transmisión da cultura popular e os cambios no ensino da música e do baile ou os roles de xénero. A outra sección recolle pezas e bailes. Xotas, muiñeiras ou pasodobres, como ferramenta para escoitar, aprender e desfrutar da música popular.

Son moitas as preguntas que teñen as xornalistas promotoras da iniciativa respecto da música tradicional galega, sempre viva en con xente que traballa arreo para continuar coa súa transmisión. As súas respostas, pouco a pouco, irán aparecendo en Punto e Volta. Botámoslle un baile?

E logo, qué pensas?