AliciaG

Que non te enganen! Todo o mundo vai de ponte, pero chámalle distinto: bank holiday, faire le pont, sándwich, galleta, yom gishur ou brückentag

0

Arrancamos a semana do ano en que todos falamos de pontes sen ser enxeñeiros, mesmo de acuedutos sen ser arquitectos. Das pontes que se fan e as que se deixan de facer, das perdas que ocasionan, da súa limitación, dos festivos que hai ao longo de ano, de se os españois temos máis ou menos que o resto de europeos… En definitiva, desas pontes que todos criticamos pero das que todos gozamos cando podemos collelas. Como a que toca esta semana, na que os máis afortunados non darán pau á auga en 9 días (os privilexiados que podan coller toda a semana) e os que menos empalmarán entre 3 e 5 días seguidos (de mércores a domingo).

Pero tampouco nos enganemos nin que nos enganen. Pontes habelas hainas en case todos os países do mundo. Só cambia o nome e as datas, pero polo demais gustan tanto como aquí… ao tempo que se critican igualmente tanto. Porque ao final, en todas partes cocen fabas.

Así, no Reino Unido, este costume de sumar festivos á  fin de semana chámase bank holiday, mentres que en Italia e Portugal (e o mesmo vale para Galicia) chámase ponte. O equivalente en Francia é o faire le pont, que en Alemaña recibe o nome de brückentag, en Austria chámase fenstertag, brugdag nos Países Baixos e yom gishur en Israel.

Pero sigamos: en Chile ás pontes festivas chámaselles galletas; na Arxentina e outros moitos países latinoamericanos pontes feriados e en Chile sánchwich, referíndose así ao día que queda no medio dun festivo e a fin de semana.

Nos Estados Unidos hai tamén unha ponte fixa todos os anos, que é do black friday: o venres seguinte ao día de Acción de grazas, que se celebra sempre o cuarto xoves de novembro.

Así que rompamos un mito: en todas partes cocen fabas cando se trata estirar as fins de semana aproveitando a proximidade dalgún festivo. Nese aspecto todos somos pardos, pero no que si hai diferenzas entre España e outros países do mundo é precisamente no número de festivos, pois figuramos entre os que máis temos. Por diante de nós están Colombia e India, con 18; O Líbano, Corea do Sur, Tailandia e A Arxentina, con 16; e Chile con 15. En España hai 14 festivos, que son sempre 10 comúns a todo o país, máis 2 de ámbito autonómico e 2 locais.

E con menos festivos ca nós figuran Austria (13), Alemaña (12), Bélxica, Italia e Francia (11), Reino Unido, Irlanda e Serbia (9), Holanda, Países Baixos e Hungría (8) e México, entre outros, que con  só 7 días festivos ao ano é o país que menos ten.

Pero que celebramos esta semana tan prolixa en festivos? Pois unha efeméride política e outra relixiosa. A primeira é a data en que a Constitución foi ratificada en referendo, o 6 de decembro de 1978, e que foi declarada festa nacional o 30 de novembro de 1983. A segunda efeméride vén do século XVII, cando a Igrexa empezou a festexar o 8 de decembro como a data en que a Virxe María foi concibida, nove meses antes da data do seu nacemento, que está fixado o 8 de setembro.

E xa por último: a boa nova é que para o ano haberá ata catro pontes… ou como queiras chamarlle!

Foto: Pixabay Creative Commons

 

E logo, qué pensas?