AliciaG

‘Running’ ou ‘cycling’?

0

Facer deporte está de moda.  E, coma en case todo, unha vez que se perde o fío, é precisa unha fase de reciclaxe para retomar a actividade. No que a deporte se refire, máis que unha formación física de posta a punto, que tamén, hai que facer un exercicio de idiomas para saber a que actividade apuntarse no ximnasio.

Porque hoxe é preciso un dicionario ou un bo asesoramento para descifrar, entre siglas e conceptos en inglés, de que se trata cada cousa. Recordas que ata hai anos a xente corría ou practicaba atletismo? Pois hoxe non. Hoxe son ‘runners’ todos os que saen ás rúas para correr por parques, praias ou contornas rurais e urbanas.Nube de palabras - gym

Mais non é este o anglicismo que ten acaparado os horarios dos ximnasios. Montar en bicicleta asóciase hoxe con termos coma ‘cycling’ e o que leva aparellado cuestións de piscina acostuma aparecer con palabras tipo ‘aqua’ ou ‘swimming’.  Por non falar do ‘streching’ (estiradas), os derivados do ‘body’ (corpo), coma ‘bodystep’ ou ‘bodyjam’; ou outras variantes coma ‘fit-bike’, ‘elyptic’ ou ‘pump’.

Queres saber cales son as tendencias deste ano? Unha son as clases en liña, e xa se atopan sitios web nos que seguir adestramentos e actividades coma spinning dende a casa. E outras das tendencias que se están a impoñer internacionalmente son o HIT (High Intensive Interval training), que vén a significar algo así coma exercicio cardiovascular de alta intensidade en pequenos intervalos de tempo ou o Aquacycling, que consiste en trasladar as bicicletas á auga para aumentar a resistencia. Cal é a túa favorita?

E logo, qué pensas?