AliciaG

Se a resaca puido contigo tras a Noiteboa, aquí tes 9 remedios para acabar con ela en Ano Novo e Reis

0

Como te atopas? Seguro que feliz despois da primeira entrega das festas e dos excesos do Nadal, pero tamén con algo de resaca. Ou caña, chuchaqui, cruda, goma, ratón, ressaca, hangover…  Diferentes nomes segundo o lugar do mundo en que te atopes, pero sempre os mesmos síntomas: náuseas, mareos, dor de cabeza, sede, cansazo, amnesia lixeira… É o que a Real Academia Galega define como o “malestar que se produce ao día seguinte dunha borracheira”.

Seguro que xa chegamos xa tarde para remediar a resaca da Noiteboa, pero lembra que aínda che están esperando a de Noitevella e a da noite de Reis. Aquí van algúns consellos para facerlle fronte:

  • O primeiro é hidratarse, porque por moito que bebeses o que realmente che faltan agora son líquidos. Así que substituiremos o viño e os licores que nos provocaron a resaca por auga, zumes e infusións, a poder ser de xenxibre, menta ou tomiño. Os zumes que sexan preferiblemente de limón, que axudará o fígado a depurarse. Un bloody mary (zume de tomate con vodka) tamén axuda, pero sen vodka evidentemente. O tomate combate a hipoglicemia e axuda a hidratarnos.
  • Unha ducha sentaranos fantasticamente ben, pero sobre todo se a rematamos cun minuto de auga fría. Así activaremos a circulación.
  • É posible que non teñamos demasiada fame, ou ningunha, pero o noso corpo agradecerá un bo almorzo, por exemplo, uns ovos fritidos con touciño acompañando aos zumes e líquidos. Si, si, tal cal. Os ovos conteñen cisteína que axuda a eliminar o aldehido, unha substancia que acumulamos cando nos pasamos bebendo, e o touciño é rico en aminoácidos, que alivian a sensación de resaca.
  •  Tampouco nos sentarán nada mal un par de culleradas de mel, rico en potasio e frutosa, dos que andaremos baixísimos despois da inxestión, nin tampouco o chocolate negro, que elevará o nivel de azucre no corpo, eliminará toxinas e facilitará a dixestión do alcol.  Os expertos tamén aconsellan tomar un plátano nada máis espertar, para repoñer o potasio, ou ben beber un vaso de auga quente mesturada coa súa casca.
  • Algo de exercicio, que en principio custará unha barbaridade, tamén  axudará. Sen pasarse. Cunha camiñada de media hora pode ser suficiente para que nos atopemos mellor, pois estaremos eliminando o licor da noite anterior.
  • Superadas as peores horas, teremos que enfrontarnos ao xantar. A peor opción é saltárnolo, así que aínda sen gañas, debemos comer algo cunha soa condición: evitar as graxas. Por exemplo, axudaramos a levar mellor o día un atún a prancha acompañado de espárragos ou/e col. Por que? Pois porque o atún é rico en alfacetoglutarato, unha enzima vasodilatadora que proporciona osíxeno e elimina toxinas; os espárragos porque non só combaten os síntomas da resaca, senón que protexen ademais as células do fígado, e a col porque o seu ácido fólico axudará aos glóbulos vermellos a funcionar como reloxos. E por suposto, calquera tipo de sopa suave, tipo consomé.
  • Una cabezadiña ou unha sesta en toda regra, o que nos pida o corpo, acelerará a recuperación, pois parte do malestar que sentimos ten que ver tamén coa falta de sono e, sobre todo, de descanso.
  • E xa, por último, dous remedios caseiros sen base científica algunha pero que hai quen di que funcionan: partir un limón en dúas metades e fregar con elas cada axila. Ou facer unha infusión de xenxibre, tomala e logo apertar o polgar contra o índice en ambas mans. E case mellor que estes dous remedios sexan os últimos que intentes….

E para rematar, o mellor remedio contra a resaca, caña, chuchaqui, cruda, goma, ratón, ressaca ou hangover: beber o xusto.

 

Foto: Pyxabay. Creative Commons.

E logo, qué pensas?