AliciaG

Sendeirismo entre praia e praia

O sendeirismo está de moda. E agora que se achega o verán, esta actividade é cada vez máis compatible coa de sol e praia. Galicia destaca polo número de areais con bandeira azul (113 este 2017), que recoñece a excelente calidade das augas, a seguridade, a dotación de servizos, a accesibilidade e a xestión ambiental destes espazos de lecer. Pero hai tamén un mapa de sendeiros azuis que enlazan praias ou portos que teñen esta distinción.

Non coñeces este tipo de rutas? Hai 26 nas provincias costeiras galegas, cifra que ten aumentado nos últimos anos. Destaca Pontevedra,  con 15 destes itinerarios, nos que se inclúen o Roteiro de Donón (Cangas), o Camiño á Beiramar e a senda entre faros Illas Cíes, e a senda do Monte da Guía (Vigo); a ruta do Cabo Udra (Bueu), a que vai de Baio a Xastelas (Illa de Arousa) e outras en A Guarda, Nigrán, Baiona, Marín, Sanxenxo ou Ponte Caldelas.

Son outras sete as sendas azuis da Coruña, coma o borde litoral da ría de Ortigueira e as rutas litorais da Laracha, Arteixo, Boiro, Carballo, A Coruña e Oleiros. E xa en Lugo, súmanse outras catro opcións en Burela, O Vicedo, Ribadeo e Cervo.

Todos os espazos, que se poden consultar no mapa de sendeiros azuis ou nun listado que publica cada ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), teñen algúns elementos en común que os fan merecedores desta distinción. Ademais de enlazar praias ou portos con bandeira azul, son itinerarios e elementos paisaxísticos que contribúen a un uso sostible do litoral.

Outros dos aspectos que caracterizan as rutas é que permiten o desfrute da natureza e do patrimonio natural e promoven o desenvolvemento sostible, cuestión de especial relevancia neste 2017, que foi declarado polas Nacións Unidas o Ano Internacional do Turismo Sostible.

Imos de ruta?

E logo, qué pensas?