AliciaG

‘Tira cos valados’, nova parodia dos Páramo Pictures

‘Tira cos valados’ é a nova parodia dos Páramo Pictures, que nesta ocasión optaron por facer a súa particular versión do tema ‘Súbeme la radio’, de Enrique Iglesias. O traballo suma xa milleiros de visualizacións nesta canle de YouTube, e promete acadar a viralidade de versións anteriores. Se os lucenses captan coma ninguén os asuntos cotiáns do mundo rural galego, nesta ocasión botan man da retranca para falar da concentración parcelaria, cuestión que ocupa e preocupa a non poucos residentes do país.
‘Tira cos valados’ chega despois do seu hit de febreiro titulado ‘Alcolitos’, que superou o millón de reproducións baseándose no tema ‘Despacito’, de Luís Fonsi. Falaban, nesta ocasión, das plantacións de eucaliptos, que teñen acaparada boa parte da masa forestal galega. Pero son moitas máis as versións realizadas polos Páramo Pictures inspirados nalgúns dos artistas máis coñecidos do panorama internacional.

Baseáronse en dous temas de Ricky Martin: ‘Vente Pa’Ca’, que adaptaron co título  ‘Vente empacar’ e ‘A Bertolina’, que é  a versión  galega da ‘Adrenalina’ deste artista. Tamén adaptaron o videoclip ‘Duele el corazón’, de Enrique Iglesias, co título ‘Préndeme o boi’; e o ‘Wrecking Ball’ de Miley Cyrus, do que fixeron unha versión máis enxebre titulada ‘Ferti Mon’.

Se aínda non os coñeces, ou queres recordar todos os temas, podes seguilos na canle de youtube de Páramo Pictures. Tamén en anteriores artigos de AliciaG podes atopar un repaso dos seus traballos máis destacados que repasan con humor a vida no país.

E logo, qué pensas?