AliciaG

Tres pedazos de cancións conectadas co melancólico setembro… e con Galicia (unha máis que as outras)

0

Arranca setembro, o mes que nos devolve á normalidade e á rutina. O que anticipa o remate do verán e a chegada do outono e, de seguido, do longo inverno. Pero tamén é un mes que, tal vez polo poso de melancolía que o acompaña, leva inspirado un bo número de cancións. Aquí vamos a traer unicamente tres, que por diferentes motivos teñen algunha relación con Galicia. En algún caso algo forzada, certo, pero iso so ten que ver con que son, posiblemente, as tres mellores cancións da historia do pop e o rock español sobre este mes que comeza e, polo tanto, tiñan que ser lembradas neste post.

1. “Años 80”. Los Piratas.

Este non é precisamente o caso, pois aquí sobran as xustificacións para estar entre as elixidas. Los Piratas, a banda liderada por Iván Ferreiro que naceu en Vigo no ano 1991, gañaron por méritos propios figurar entre as máis influentes deste país cando de pop e rock se trata. A canción, composta en Vigo en apenas 15 minutos, empezou sendo unha esixencia da produtora. E como máis tarde recoñecerían os membros do grupo, foi composta con toda a intención. Querían facer unha “merda” e acabaron creando o seu maior éxito.

2.“Septiembre”. Los Enemigos.

Ao contrario que Los Piratas, Los Enemigos non son galegos, pero este tema, que segundo a revista Rolling Stones, está entre as mellores cancións do pop español de todos os tempos, ten detrás unha dramática historia galega. Josele Santiago, o seu vocalista e líder, inspirouse para compoñela nunha noticia que leu nun diario (do cal non se lembra) e que estaba protagonizada por un mozo galego que decidiu suicidarse ao non aguantar a presión dos exames de setembro. Deixou unha nota,  “id a por el pan, que yo no voy a ir”, que tanto impresionou a Josele Santiago que decidiu reflectir na canción os últimos pensamentos do mozo.

3. “El 7 de septiembre”. Mecano.

Empecemos recoñecendo a trampa: esta conexión está tan forzada que so se xustifica polo feito de que nunha lista tan breve de cancións españolas sobre o mes de setembro non podía faltar este himno xeracional de Mecano. Digamos que o vínculo figura na propia historia do grupo: José María Cano e Ana Torroja coñecéronse nunha festa en que ela se coou xunto a un grupo de amigas. Onde? Na rúa Ourense (Orense no rueiro de Madrid), en Nuevos Ministerios. Daquel primeiro imprevisto contacto xurdiu un dos grupos pop considerado máis importantes de España.

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?