AliciaG

Tres galegos do Carballiño, Guitiriz e Culleredo estiveron entre o últimos de Filipinas

0

Luís Tosar, sobre todo, e Xavier Gutiérrez son os protagonistas galegos de “Os últimos de Filipinas”, a primeira película de Salvador Calvo que se estreou durante a pasada fin de semana. Galicia, con todo, tivo un protagonismo maior en aquela épica historia de finais do século XIX.

En realidade foron tres os galegos que estiveron entre os 57 heroes de Baler que resistiron durante case un ano (337 días) os ataques dos nativos da ata entón colonia española, refuxiados nunha igrexa de apenas 200 metros cadrados da localidade do mesmo nome (Baler), na illa de Luzón.

Estamos a falar de Vicente Pedrouzo, do Carballiño (Ourense), Xosé Martínez Souto, dunha aldea de Culleredo chamada Almeira, e de Bernardino Sánchez, de Guitiriz. Todos eles serán soldados rasos, de oficio labradores, e xunto con outros 30 homes conseguiron tamén sobrevivir a un asedio interminable. O curioso da súa historia é que parte del tivo lugar cando a guerra entre España e Filipinas xa tiña rematado, algo que os heroes de Baler negáronse a crer durante meses, tanto por desconfianza cara aos filipinos como polo seu illamento.

Despois de varios intentos para facerlle saber do final de contenda, entre eles a visita de parlamentarios españois aos que os soldados españois tomaron por traidores, acabaron por decatarse de que xa todo rematara despois de que lle fixeran chegar un periódico local no que se daba conta da firma da paz. Foi o 2 de xuño de 1899, despois de 337 días de asedio.

Con todo, antes de abandoar a igrexa negociaron a súa rendición a cambio de que non foran tratados como prisioneiros de guerra. E así ocorreu.

De volta ao seu país, ao que chegaron o 1 de setembro de ese mesmo ano vía Barcelona, foron recibidos como heroes e agasallados con dúas medallas (acompañadas dunha paga mensual de 7,50 pesetas cada unha delas) e unha pensión vitalicia por importe de 60 pesetas.

Gracias ao traballo recentemente publicado polo periodista Xavier Freire Guirau no periódico ‘La Región’, coñecemos que polo menos un deles, o carballiñés Vicente Pedrouzo, morreu reclamando o cobro das 75 pesetas mensuais que lle correspondían. O motivo foi un erro na transcrición do seu apelido, pois nos papeis figuraba como Vicente Pedrosa Carballeda en lugar de Pedrouzo Fernández.

ultimos-de-filipinas

Nesta foto está o grupo dos heroes das Filipinas que chegou a Barcelona en setembro de 1989. A número 3 é Vicente Pedrouzo, o 10, Xosé Martínez e o 29, Bernardino Sánchez. A continuación, o trailer da película de Salvador Calvo.

 

 

E logo, qué pensas?