AliciaG

Tres irmás galegas salvaron do holocausto centos de xudeus liderando dende Ribadavia a principal rede de fuga da Península

0

Os fabulosos viños da capital do Ribeiro, Ribadavia, maridan coas incribles historias que iluminaron estas terras situadas nunha contorna paisaxística e monumental fóra do común. Como a de Lola Touza e as súas dúas irmás, Xulia e Amparo, que sendo unhas adolescentes axudaron a fuxir máis de 500 xudeus que burlaron grazas a elas unha morte segura ou unha larga e tortuosa estancia en campos de concentración. Estamos a falar da década dos 40, entre os anos 1941 e 1945, cando  estas tres mozas se converteron en pezas claves dun complexo e, sobre todo, arriscado dispositivo para salvar do Holocausto a centos (poderían ser incluso miles) de xudeus procedentes de Alemaña e dos países ocupados polos nazis.

Preto de 80 anos despois de aqueles feitos, o alcume co que hoxe se recoñece aquelas tres mulleres resulta tan obvio como revelador de cal foi o heroico e perigoso papel que decidiron asumir. Lola, Xulia e Amparo serán xa para sempre as Schindler galegas, cuxa vida saltará ao cine da man dunha produtor norteamericana e a partir dun libro de Emilio Ruíz Barrachina.

“Estación liberdade” é o título do libro do poeta, escritor e director de cine madrileño que conta a historia das irmás Touza, pero antes diso era o nome en clave para identificar á estación de Ribadavia dentro da rede de fuga liderada por Lola Touza e creada nos ferrocarrís do Cantábrico, onde os Pireneos ata a marxe portuguesa do Miño. Era a ruta de fuxida de xudeus máis importante da Península, pola que daban o salto a Portugal para emprender camiño aos Estados Unidos, O Brasil, A Arxentina ou Venezuela, pero tamén Marrocos ou Arxelia. En definitiva, a súa vía de escape cara á liberdade.

As Touza traballaban co seu pai nun quiosco da estación de tren de Ribadavia. Vendían principalmente rosquillas, doces de améndoas ou licor café e subían con frecuencia ao tren para ofrecerlles estes produtos aos viaxeiros. Así era como contactaban cos seus enlaces para recibir a información sobre a seguinte chegada de xudeus a Ribadavia. A partir dese memento xa todo era cousa delas. Lola Touza, coñecida dentro da rede como a nai (“la madre”) pese aos seus 17 anos, poñía entón en marcha todo o operativo, no que tamén participaban outras 4 persoas, ademais das súas irmás: dous taxistas (Xosé Rocha Freijido e Xavier Míguez “O Calavera”, un emigrante retornado que facía de tradutor polo seu coñecemento do inglés e o polaco (Ricardo Pérez “Evanxelista”, que estivera en Nova York) e un barqueiro (Román Estévez).

A implicación de cada un deles dependía do plan de fuga elixido para cada evasión. Eran basicamente tres: na barca de Román, coa que cruzaban o Miño, nos taxis de Xosé ou Xavier, sempre por estradas terciarias, ou a pé través de carreiros.

A súa historia, que elas sempre mantiveron en segredo, coñeceuse grazas a un de aqueles xudeus que axudaron a fuxir, Isaac Retzman. A través dun coñecido seu, emigrante tamén en América, quixo pescudar no ano 1964 que fora das tres mulleres de Ribadavia. Amancio Vázquez, que así se chamaba o galego, contactou en Vigo co libreiro Antón Patiño, que o deixou todo escrito antes da súa morte, en 2005.

En Israel, Lola, Ámparo e Xulia xa foron recoñecidas como heroínas e serán recordadas para sempre a través da plantación dunha árbore na súa memoria.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E logo, qué pensas?