Son numerosos os científicos que achan indicios máis que claros de que se está a producir un cambio climático que, dun xeito moi resumido, consiste no quecemento global, que ten entre outras consecuencias unha subida do nivel do mar a causa do desxeo.
O proxecto Glackma está a traballar sobre isto e un galego formará parte da vindeira expedición desta iniciativa, que leva a cabo unha asociación constituída en 2010 tras décadas de traballo por parte de dous científicos: Adolfo Eraso e María del Carmen Domínguez.
O ferrolán Carlos Caraglia, nomeado embaixador de Glackma, partirá nesta expedición o 3 de maio desde España cara Dinamarca, onde embarcará para chegar a Islandia. Alí agárdano 15 días de filmación de traballos científicos, natureza e desxeo.
Dende Islandia, dirixirase despois ao Ártico sueco, co obxectivo de instalar nun glaciar dúas estacións científicas e filmar a contorna. E xa en setembro, é probable que a misión o leve a Groenlandia. En 2018, a expedición podería trasladarse á Antártida, onde Caraglia estivo xa en catro ocasións e dúas máis no Ártico.
O obxectivo desta expedición, que suma 12.000 quilómetros e ata 45 noites durmindo baixo temperaturas extremas, é medir a evolución dos glaciares en relación co desxeo, consecuencia do cambio climático.
Malia as dificultades que se atopan neste tipo de aventuras, Carlos Caraglia asume a expedición con toda a ilusión, aínda que non semella que se vaian traer boas novas para o planeta. Iso si, cumprirase co obxectivo do estudo científico, concienciación, divulgación e defensa do medio natural, que son os fins desta asociación.
E logo, qué pensas?