AliciaG

Ourense agocha o espectacular Lincoln en que Ava Gardner e Luis Dominguín saían de esmorga no Madrid dos 50

0

Ourense garda celosamente dende fai décadas unha excepcional testemuña, aínda que muda, dun dos romances máis apaixonados, tormentosos e internacionais que viviu a España franquista de mediados do século pasado. El era daquela o toureiro máis famoso de península, que é como dicir do mundo; ela, unha das actrices máis recoñecidas do planeta (entón e agora, aínda que leva 18 anos morta); a testemuña: un vello Lincoln Continental Cupé do 47 agochado dende hai 40 anos nun garaxe da cidade de Ourense, iso si, coidado con tanto mimo como agarimo polo seu actual propietario.

Luís Miguel Dominguín, Ava Gardner e este Lincoln formaron un trío que fixo quilómetros e quilómetros, tanto pola cidade de Madrid como polo resto do país. A saber cantos segredos non gardará, se é que os seus protagonistas deixaron algún por contar, ou cantas tempestuosas disputas e apaixonadas reconciliacións non terá abrigado a súa abrandada tapicería de ton agrisado.

O impresionante automóbil foi importado a finais do ano 47 por un empresario mineiro natural do Bierzo que residía en Madrid, Diego Campanario, que ademais era presidente da praza de touros das Ventas. 40 anos despois, aquel coche que chegara directamente dende Estados Unidos a Madrid no 47, emprendeu na década dos 80 a súa última gran viaxe, a Ourense, de onde xa no se movería (salvo para escapadas de ida e volta) despois de ser adquirido polo seu segundo e actual propietario, Luis Álvarez Paradela.

Dende entón permanece nesta cidade, coidado con mimo nun garaxe do que sae de cando en vez, sexa para participar nalgún rally de coches antigos ou para ser arrendado para vodas e eventos especiais. Hoxe está incluso á venda e con varios pretendentes americanos, interesados tanto polo vehículo como pola súa particular historia. Fabricado entre 1939 e 1948, so saíron a rúa 3.047 unidades das que actualmente ser conservan unha ducia.

Ava Gardner chegou a España en 1953 buscando un ambiente de esmorga e alegría para recuperarse dun aborto, xusto tres anos despois de gravar aquí ‘Pandora e o holandés errante’. Daquela estaba aínda casada con outro grande, Frank Sinatra, aínda que a relación esmorecía (de aí que decidise abortar en segredo).

Nada máis chegar a Madrid, a diva pediu un Lincoln Continental para desprazarse pola cidade e facer algunha que outra escapada. Era o coche oficial das estrelas de Hollywood e a Gardner tamén quería exercer de tal en Madrid. O antollo tiña tea, pois era un modelo nada habitual na España da época. Casualmente era o que uns anos antes mercara o empresario berciano, vinculado tamén ao mundo dos touros, Diego Campanario, que o puxo inmediatamente a disposición da actriz. Luís Miguel Dominguín, amigo de Campanario, ofreceuse presto como condutor. E aí principiou todo, una vez establecida a conexión entre o toureiro e a actriz a través do Lincoln.

Ambos, Gardner o Dominguín, fixeron varias viaxes no espectacular automóbil, negro brillante, tanto antes como despois do seu famoso primeiro revolcón. Aquel tras o que o toureiro, nada máis despertar ao lado da actriz, saltou da cama como un resorte e con toda a presa do mundo.

– A onde vas?, preguntoulle ela curiosa.

– Como que a onde vou? Contalo!, sentenciou el para a posteridade, aínda que máis adiante confesara que en realidade aquela conversa coa actriz non fora máis ca unha broma que comentara na súa cuadrilla.

O Lincoln ourensán nunca compartiu pantalla con Ava Gardner, pero si tivo momentos de gloria na pantalla grande. Debutou no cine en Sempre Xonxa, a película de Chano Piñeiro que foi a primeira galega rodada en 35 mm. Era o coche no que o Birutas regresa a súa aldea dende a emigración, para atoparse con que o seu amigo Pacho e o seu amor platónico da infancia, Xonxa, casara mentres el tentaba facer fortuna na emigración.

 

Foto facilitada pola empresa CeCe Comunicación: O Lincoln, estacionado na Praza Maior de Ourense.

E logo, qué pensas?