AliciaG

Unha alimentación axeitada e 10.000 pasos ao día, claves para un estilo de vida saudable

A Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC) acaba de actualizar as guías alimentarias para a poboación sa, que inclúen novas recomendacións  que se estruturan nunha nova pirámide de alimentación saudable e que apelan á moderación e equilibrio na cantidade das racións; ás boas prácticas na agricultura, a gandería e a pesca e aos produtos de tempada.

Ocupa a base desta pasospirámide a recomendación de manter estilos de vida saudables, o que implica, entre outras cousas, facer 10.000 pasos ao día, equivalentes a 60 minutos de actividade física. Quizais por iso é máis frecuente ver entre os galegos os aparellos que van medindo os pasos que damos cada día e outras variables coma as pulsacións, as horas de sono e mesmo as calorías que gastamos en cada xornada.

Dado que a actividade física inflúe directamente na achega calórica que precisa o noso corpo, avaliando este tipo de datos podemos adaptar a dieta ás nosas necesidades. Iso si, tendo en conta que os produtos frescos e vexetais e os cereais son os nosos mellores amigos á hora de coidar o noso corpo. Sen esquecer, por suposto, que nada como a auga nos axuda a hidratarnos correctamente.

No plano da alimentación, os cereais e derivados integrais e as froitas, verduras e hortalizas conforman os grupos de consumo que deben tomar parte de cada comida principal. E por iso, ocupan tamén as bases desta pirámide, que nos recomenda tres ou máis pezas de froita ao día e dúas de verduras e hortalizas. E como graxas, a procedente do aceite de oliva virxe extra.

Segue a pirámide cos lácteos (aconséllanse dous ou tres ao día), carnes magras, aves, peixes e ovos e legumes (entre 1-3 ao día); e despois avanza cara a recomendación dun consumo moderado de carnes vermellas e procesadas e bebidas fermentadas. Na parte superior da pirámide sitúanse os produtos menos aconsellables: o azucre e os produtos azucrados, snacks e similares.

Agora que chegamos ata aquí, toca preguntarse… aplicas un estilo de vida saudable?

 

E logo, qué pensas?