AliciaG

Unha muller de Lugo criou ao Ché Guevara dende que naceu ata que rematou os estudos: foi a súa nai galega

0

Esta semana (o luns) cumpríronse 50 anos da morte do guerrilleiro máis famoso da historia, Ernesto Che Guevara. Aínda que fillo de arxentinos, Celia de la Serna e Ernesto Guevara Lynch, o Ché tivo unha segunda nai. Foi a persoa que máis o coidou e mimou cando era neno e tamén a que máis chorou a súa morte fai 50 anos (sempre despois da súa nai), cando foi executado no pobo boliviano de La Higuera. Pois si, a segunda nai do Ché, que era xusto como el a consideraba, era galega.

Chamábase Carme Arias, unha veciña de Sarria que emigrou a Arxentina no ano 1923 e que cando naceu o pequeno Ernesto, no 1928, entrou a traballar na casa dos seus pais para coidalo. De feito, ela lle puxo o nome polo que era coñecido de pequeno, Tete, o mesmo que a guerrilleiro utilizaba para firmar as cartas que lle enviaba a súa familia dende Serra Mestra, xa facendo a revolución, para que ninguén soubera de quen se trataba. Esas cartas, ademais, enviabas á dirección de Carme Arias, que logo llas facía chegar aos seus pais. Foi a súa segunda nai, pero tamén a súa tapadeira para comunicarse coa súa familia e facerlle saber que estaba vivo.

A relación era tan estreita que Ernesto Che Guevara foi o padriño do primeiro fillo de Carme Arias, pola que tiña devoción e a que nunca deixou de visitar. Xa maior, na súa época de estudante de medicina, o Ché visitaba con frecuencia a súa nai galega para xantar con ela comida caseira… e galega. E cando xa era unha celebridade, coincidindo cunha viaxe a Arxentina para entrevistarse co presidente de entón, foi a última vez que a viu. Corría o ano 1961, seis antes da súa morte.

A relación entre Carme Arias e Ernesto Che Guevara está documentada nun libro de Lois Pérez Leira, investigador arxentino, que tamén dirixiu un documental sobre a historia de ambos.

Na imaxe, foto de Carme Arias e Ernesto Ché Guevara. Fonte: El País.

 

 

 

E logo, qué pensas?