AliciaG

Ven de vivo… a Santo André de Teixido!

0

Se en Santiago de Compostela a choiva é arte, botando unha ollada ao vídeo podemos dicir que a néboa ten ese mesmo rol en Santo André de Teixido, o segundo lugar de peregrinación de Galicia no que o protagonista é, tamén, un apóstolo. Unha asociación púxose a traballar co obxectivo promover este santuario pero tamén todos os itinerarios que levan cara el, e que algúns investigadores teñen situado como un cabo do mundo celta.

Na última edición de Fitur foi presentada a Ruta do Medievo, que vai dende Betanzos a Teixido, pero existen outras opcións, como facer o Camiño do Mar, chegar atravesando a ruta dos Peiraos dende Cedeira, seguir o Camiño Vello dende Narón e Valdoviño… Hai proposta para un, dous días e mesmo unha semana. Estas son algunhas das opcións dispoñibles, pero a Asociación Cultural e Recreativa Camiño a Santo André de Teixido aspira a recuperar todos aqueles camiños que levan e levaron, en tempos pasados, a este lugar.

Para iso, entre outras accións, como a de adoptar o lema ‘Ven de Vivo!’, están a organizar un concurso de fotografía que outorgará ata 8.000 euros en premios. Iso si, as imaxes que se presenten deben ser de Teixido, a contorna ou dalgún dos camiños de peregrinación que levan ao santuario. O lugar, para quen non o coñeza, ofrece bo material para captar imaxes de mar e montaña, pois a paisaxe non acostuma deixar indiferente a ninguén.

Atributos non lle faltan. Ten os cantís máis altos da Europa continental, a Garita de Herbeira; a única praia de area negra non volcánica, á que se aconsella ir con guía experimentado; un espazo natural que é a Serra da Capelada, de enorme riqueza xeolóxica, ao igual que varios concellos da contorna que traballan na posta en marcha do Xeo parque do Ortegal.

Calquera ocasión é boa para entregarse ao turismo slow. Pero como segundo din as lendas, a Santo André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo, canto antes se cumpra con esta obriga, moito mellor!

E logo, qué pensas?