AliciaG

Xuntáronse tres un día… e inventaron en Vigo o mellor consolador do mundo!

0

Eran tres, que non catro. Tampouco sabemos se eran os mellores do barrio, pero en todo caso xuntáronse un día, tamén en Vigo. E non precisamente para matar o gato e metelo nun saco. Que va! Fixérono para fabricar (e agárrate!) o consolador (si, oíches ben) máis avanzado do mundo. Un pedazo de consolador, vamos. Tanto que se fose unha moto diriamos que era un cogombro de moto. Pois igual. Ou mellor, porque o de cogombro vaille ao pelo. E non sigo…

Ao inventor do consolador, Xulio Muñoz, gústalle máis dicir que en realidade o que fixeron foi “unha boa máquina” tan versátil que permite todas as posicións do kamasutra e sorprende aos seus usuarios con movementos tanto lineais como elípticos e orbitais.
En realidade, o que inventaron foi una máquina que move os consoladores mais vendidos no mundo, os modelos Fleshlight (o preferido polos homes) e o modelo DocJohonson, que é o máis demandado polas mulleres e os homosexuais.

Muñoz, enxeñeiro electrónico, é un dos tres que se xuntaron un día. Os outros dous son enxeñeiros industriais, un dedicado á fabricación de autobuses eléctricos, e o outro, de coches militares. E visto así, pois si, tamén eran os mellores de barrio, aínda que nun sentido que nada ten que ver co que a canción lles atribúe aos catro que meteron ao gato nun saco.

A máquina, que pesa 1,3 quilos, é indescritible (e xa non digo o seu funcionamento), polo que o mellor é vela en acción no vídeo que acompaña este artículo.

Non hai un modelo único, pois segundo explican os seus inventores, pode ser con cables ou sen eles, con mando a distancia e levar ata dous motores. Tamén pode ser de fibra de carbono, como si fora un Fórmula 1 (ou precisamente porque é o Fórmula 1 dos consoladores)… ou non. Con fibra de carbono custa, iso si, 3.200 euros. Sen ela, queda en 1.300. E entón un pensa que si, que efectivamente pode ser o mellor consolador do mundo, pero tamén un dos máis caros. Para a súa fabricación utilizan ademais aceiro inoxidable, aluminio e titanio.

O prezo ten a súa explicación: as máquinas da competencia, segundo Xulio Muñoz, son máis grandes, pesadas, incómodas e perigosas, porque utilizan motores grandes e baratos. “Os nosos motores teñen tanta potencia como aqueles, pero son pequenos e, polo tanto, moi caros”, engade.

En todo caso, o elevado custo non parece importar demasiado, porque a realidade é que o consolador ten xa demanda pese a que os seus inventores non empezaron a campaña de comercialización que pensan lanzar en breve. De momento levan vendido 7 máquinas e teñen outras 16 en lista de espera. Porque iso si, fabrican sempre baixo pedido.

Ata o de agora, aclaran, todas foron vendidas en España. E para uso doméstico. O cal parece bastante obvio ata que matizan que tamén se lle pode dar un uso terapéutico, especialmente pensando en persoas con discapacidade.

E logo, qué pensas?